Background Image

PEDRO LAMAS

Pedro Lamas (Cecebre, 1978).

Músico formado na tradición, acada os máis importantes galardóns neste eido, sendo un dos gaiteiros máis laureados de Galicia con máis de cincuenta premios no seu haber. Fundador de prestixiosos grupos de referencia como ‘Lelia Doura’, ‘Luvas Verdes’ ou ‘Nova Galega de Danza’, no ano 2011 obtén a licenciatura na especialidade de jazz-saxofón polo Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Compaxina a súa faceta de mestre de música tradicional coa de músico e compositor realizando traballos para os máis destacados artistas do país: Susana Seivane, Guadi Galego, Kepa Junkera, Xabier Díaz, Xosé Manuel Budiño, Uxía, Quique Peón Cía, Sondeseu, etc.

Entre a súa discografía destacan os seus traballos como músico, produtor, arranxista ou compositor:

-Luvas Verdes: Fandango desesperado, NGD Música, 2005.
-Nova Galega de Danza: Alento, NGD Música, 2005.
-Xabier Díaz: Coplas para Icía, Músicas de Salitre, 2007.
-Nova Galega de Danza: Engado, Falcatruada, 2007.
-Vaamonde, Lamas & Romero: Vellas artes, Falcatruada, 2008.
-Nova Galega de Danza: Tradicción, Falcatruada, 2009.
-Vaamonde, Lamas & Romero: O tambor de prata, Boa Música, 2011.
-Radio Cos: Radio Cos, Boa Música, 2013.
-Orquestra de Jazz de Galicia: Fame, Orquestra de Jazz de Galicia, 2015.
Kepa Junkera & Sorginak: Maletak, Boa Música, 2016.

Nos últimos anos rexistra un extenso número de gravacións colaborando con numerosos artistas en eidos diversos (‘Galicia Caníbal’, ‘Garufa Blue Devils Big Band’, ‘Kepa Junkera & Sorginak’, ‘Azougue’, ‘O poder do arcabuz’, etc.) cos que percorre os escenarios de España, Portugal, Francia, Suiza, Arxentina, Inglaterra, Escocia, Perú, Alemania, Cuba, Bélxica, Italia, Polonia, China ou Letonia.

Cofundador da ‘Orquestra de Jazz de Galicia’ xunto a Roberto Somoza, obtén o recoñecemento de público e crítica coa edición do seu primeiro traballo discográfico (Fame, 2015), no que exerce como produtor, compositor, arranxista e intérprete:

- Premio Martín Códax ao ‘Mellor proxecto de Jazz e Músicas Improvisadas’ 2016
- Premio Opinión da Música de Raíz 2016 na categoría ‘Mellor disco’
- Premio Opinión da Música de Raíz 2016 na categoría ‘Mellor artista’
- 2 Premios Graphis de Prata New York 2016 no apartado de deseño